Os pinos Links



Os Pinos.

¿Qué din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.













Eduardo Pondal




HINO GALEGO

1. O Hino galego e o sistema cultural de Galicia. O Hino é o símbolo acústico mais solemne e transcendental de Galicia como comunidade política. Como un producto da cultura galega, reflexa o ambiente social e cultural de Galicia, como un dos seus mais importantes testimonios. É un Hino que, dende a súa estrea en 1907, pasou por moitas vicisitudes, dende a prohibición absoluta, en tempos de restricción espiritual e expresiva, ata a permisividade total, sen obstáculos nin censura, pasando por situacións intermedias, moitas veces ambiguas, nas que se tolerou a súa práctica, pero interpretado como unha canción mais dentro do rico folklore galego. Xurde en “La Habana”, froito do espíritu organizador dun linotipista emigrante, polo que, ó igual que a Bandeira* e o Escudo*, está vinculado ó espíritu creador da Galicia emigrante. É o único símbolo galego que non foi contestado ou criticado, polo que esperta a adhesión de tódolos medios nacionalistas e rexionalistas e de persoas que non se distingan por un excesivo celo centralista.

Galicia é rica en símbolos acústicos ou sonoros de tipo ideolóxico e político. Os berros ou gritos son moitos e utilizanse con frecuencia, tanto en festas típicas, como en actos patrióticos. Algúns destes berros teñen efecto rubricante, para rubrica-la culminación dun acto político, como «¡Terra a Nosa!» ou o de «¡Galicia ceibe!». Mais que gritos ou berros de identificación e de adhesión e proselitismo son instrumentos de afirmación e de profundización no espíritu comunitario que se vive nese momento no banquete no acto político ou cultural. Pode ser utilizado como medio de contestación, cando se atopan elementos de dúas forzas totalmente diferentes, na que unha se distingue polo seu acusado centralismo e non acepta os símbolos de Galicia. Poden ser utilizados, tamén, como divisas especiais, para distingui-la emoción que desperta calquer aspecto cultural de Galicia.

Algúns berros, gritos ou divisas son anteriores á elaboración e estrea do Hino. No s. XIX utilizaronse algúns moi específicos, sobre todo por Alfredo Brañas, interesado na creación dunha simbólica política para o rexionalismo galego. ¡Surge et ambula!, explicao no seu discurso nos Xogos Florais de Tui, porque esas palabras dos Evanxeus serán o lema das nosas libertades: Pro libertate patria é outro grito ou lema, que, na súa obra El Regionalismo di que «se dieron la mano las provincias y los pueblos gallegos antes aislados». O mais utilizado, sen embargo, e o de «Deus Fratresque Galleciae», non sempre escrito do mesmo xeito, pero dito en moitos discursos, como o do banquete do 7 de maio de 1893 en Barcelona, no que dixo que: «bien quisiera que al lema que hemos adoptado de Deus fratresque gallaici se le añadiesen algunas palabras más y resonase en los valles y montañas de la nativa tierra este grito de guerra regionalistas: "Dios, los hermanos gallegos y sus aliados los catalanes"». No El Regionalismo di do lema o grito que s «el santo lema de Deus fratresque Galaicae, lacónico pero sublime resumen de nuestro credo regionalista». Este lema ou grito aparece en varias ocasións, posteriormente, figurando, por exemplo, en Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas, publicada no ano 1951, en Vigo, para termina-lo seu prólogo, dicindo que: «Falo c-os que profesan con fe invencibre na groria e santidade da nosa anterga divisa: Deus Fratresque Galleciae».

O destino do berro ou grito é extinguirse no momento do acto patriótico, cultural ou recreativo, cumprindo a súa función integradora, rubricante ou exaltadora no acto mismo. Pero, moitas destas exclamacións convertindo en divisas escritas e sendo, incluso, base para títulos de libros e revistas. Aínda cando o seu destino primario é o acto da súa pronunciación, logo utilizanse en escritos de diverso tipo, como libros, revistas, adhesivos e outros medios nos que predomina a escritura. Cun variante, o grito de «¡Terra a nosa» escríbese nunha folla solta do 30 de maio do 1921, asinada por Xavier Soto e Manuel Antonio, na que no seu encabezamento escríbese «¡Terra ceibe!» e termina coa rúbrica citada de «¡Terra a nosa!». Esta folla é importante para establecer unha relación entre o Hino e a Bandeira, porque se dirixe «Ós bos galelos» para explicar como a «Mocidade galeguista de Vigo» pedira ó Concello desta cidade que nos actos oficiais ó lado da Bandeira española figurase a galega, e como a petición foi unánimemente votada en contra.

Outros símbolos acústicos ou sonoros poden sustituir, nalgunhas ocasións, ó Hino galego. O aspecto conxuntivo do Hino, antes da súa creación en 1907, lográbase por medio dalgunhas famosas cancións galegas, sobre todo con «Negra sombra», música de Juan Montes e letra de Rosalía de Castro, feito que se documenta perfectamente no «Manifiesto para la Solidariedad gallega», firmado na Coruña o 14 de septembro de 1907, e nas que as últimas palabras dise o seguinte: «Decid, pues: si ahora no es la hora de reflexionar hondo y revolverse firme para salir de casa y hacer la unión gallega, la de todos los gallegos que sienten un nudo en la garganta al escuchar Negra sombra y energía en su alma al oir un viva a Galicia. decid. ¿cuándo será?». Os coros e orfeóns tiñan que utilizar estas canciones galegas, sobre todo a mencionada polo seu sentimiento e capacidade conxuntiva, en sustitución do Hino, pero logo quedaron no seu debido lugar, como excelentes obras da música galega. para interpretar dentro da súa auténtica finalidade artística e cultural.

Desde o ano 1968 a canción folk, titulada «Venceremos», utilizada según a versión de Joan Baez, ocupou en moitos casos o lugar do Hino galego, en circunstancias especiais, sobre todo en intres nos que predominaba o ambiente propicio de protesta. Cantárono especialmente, públicos xuvenís, case sempre como un modo de protesta, de afirmación e de reivindicación fronte ó centralismo, a inxustiza e a dominación de Galicia.
Moitos símbolos acústicos, como os berros, as cancións en xeral de alusión política, os slogans, divisas e lemas, nalgúns movementos de masas, de tipo político, ou en actividades como as do Día de Galicia, ou da Patria Galega, únense e forman unha totalidade acústica de tipo simbólico que culmina xeralmente co Hino galego.

O hino galego, pois, forma parte dun complexo simbólico, como un subsistema do sistema político galego, pero non limitado á expresión oral ou acústica. Con motivo da promulgación do Estatuto de Galicia, aprobado o 21 de Decembro de 1980, a Federación de Sociedades Filatélicas de Galicia, conseguiu a emisión dun selo do Estado, no que o lema foi o Hino galego. O boceto foi realizado por Xosé Guitián Seixo e, como sucede nestes casos en Galicia, cando se inauguran placas, etc., non estivo exento de polémica. Foi unha importante contribución á difusión do Hino galego, reproducindo a partitura do mesmo no mapa de Galicia, co Escudo ó lado, co fondo azul no mar e o branco no chan galego. Editouse un sobre especial, co Hino ocupando a súa terceira parte; logrouse un mataselos especial tamén, cos retratos de Pondal e Veiga, con motivo do 17 de Maio de 1981 e a revista da federación adicou especial atención ó tema do Hino.


2. O Hino e as relacións políticas e criptopolíticas. O día 20 de Decembro de 1907, no «Gran Teatro» da Habana, estreouse o Hino galego. Nun día moi solemne, en homenaxe póstumo a Pascual Veiga, co fin de recadar fondos para elixir un monumento á súa memoria en Mondoñedo, puido ser cantado por primeira vez. En 1908, o día 13 de Decembro, a Xunta Xeral do Centro Galego, declarou Hino oficial ó Hino, para todas as actividades en que os organismos da famosa entidade interviñesen. A medida que o rexionalismo avanzaba e ían despertando as ansias rexionalistas en Galicia, botábase de menos un hino emotivo e expresivo á vez. Os intentos de Alfredo Brañas e de Luis Taibo, así como os de Galo Salinas e Varela Silvari non pasarán de meros intentos, pero expresaban xa claramente a intención de ter un Hino en Galicia, como Cataluña tiña «Els Segadors». En 1890, tal como conta A Nosa Terra, no seu número do 1 de Setembro de 1927, celebrouse en A Coruña un certame musical, no que foi presidente Pascual Veiga e primeiro secretario Francisco Tettamancy, co fin de premiar unha Marcha Rexional Galega, para a que Eduardo Vicenti regalou unha pluma de ouro. Pero, ata ese momento do 20 de Decembro de 1907, en pleno éxito rexionalista e cando o agrarismo e o solidarismo efectuaran un gran avance, non se puxo en práctica e estreouse debidamente.

O Hino galego, foi o resultado dun gran esforzo de coordinación de Xosé Fontenla Leal. Primeiro, pediu a letra a Curros Enríquez, a gran figura galega na Habana nese momento, e a música a Castro «Chané», pero o non conseguilo coa premura que necesitaba, escolleu o poema Os Pinos de Pondal, estableceu contacto con Pascual Veiga e o resultado foi un hino entre literario e patriótico, non moi común en canto ós seus símbolos e, dende logo, non moi común no sentido de que foi aproveitado un poema xa escrito, parcialmente, e non un poema xa escrito, especialmente para facer un hino. Fontenla Leal chamoulle «Hino Rexional Galego», así como en 1890, chamouselle «Marcha Rexional Galega», pero inmediatamente pasou a chamarse o Hino a Galicia e xa definitivamente o Hino galego, sen que falten ás veces denominacións como Hino de Galicia.

Dende 1907 ata 1923 o rexionalismo e agrarismo cantaron o Hino galego nos seus actos e, o mesmo tempo, foi aceptado por moitos galegos non radicalmente centralistas, os cales non logran asimilalo ata a campaña electoral de 1977, etapa na que o usan polo menos formalmente. O impulso dado ó rexionalismo polo nacionalismo, coas Irmandades da Fala á fronte, fixo que o Hino galego se incorporase normalmente á actividade política. Na Semana Catalana. por exemplo, celebrada en Decembro de 1917, coa asistencia e activa participación de Francisco Cambó, o «Hino a Galicia» interpretouse en varias ocasións. A Gaceta de Galicia, de Santiago, do día 17, explica como a banda municipal de Betanzos o interpretou na Estación de ferrocarril cando os parlamentarios cataláns se trasladaban a A Coruña. Nesa cidade, dí o mesmo diario, na metade do banquete, que o público irrumpiu no comedor instalado no Palacio municipal, e cantouse o Hino a Galicia, «repitiéndose ante o local das Irmandades da Fala, izándose a bandeira galega no balcón».

Previamente, unha comisión galega estivo en Cataluña, e a Gaceta de Galicia do día 17 conta como ó rematar Cambó o seu discurso no Centro Autonomista de Dependentes cantouse «Els Segadors», seguindo o diario compostelano describindo o acto con estas palabras: «Rematado o canto nacional catalán os ilustres expedicionarios formando un grupo cantan o Hino Galego, letra de Pondal e música de Veiga. As notas delicadas da melodiosa canción son escoitadas con delectación, estando todos en pé e descubertos». Nas eleccións parlamentarias de 1918, os rexionalistas e nacionalistas fixeron uso amplo do Hino. Os berros e o Hino soaron largamente durante a campaña. O mesmo periódico compostelán conta, na súa edición do 5 de marzo de 1918, como ao rematar unha sesión política do tipo galeguista, ó gritar «¡Terra a nosa!» o público mostrou «un entusiasmo indescriptible», tras a conferencia de Cambó. O público acompañou ós oradores ata o hotel cantando o Hino a Galicia. É dicir: que o Hino foi cantado por individuos específicos e por masas, foi interpretado por coros e orfeóns ou foi soamente tocada a súa música polas bandas de algúns pobos.

Ata 1923, o Hino galego rubricará os actos do rexionalismo, do nacionalismo e do galeguismo como elemento, indispensable, pero, ese ano comezarán as dificultades, cando, polo Real Decreto do 18 de setembro de ese ano de 1923, prohíbense as bandeiras, afectando a tódolos símbolos rexionais, ata que por Real Decreto de 9 de Xuño de 1930 se deroga o mencionado Real Decreto. As sociedades galegas de América, como sucede cando arrecia a censura en Galicia, intensificaron o seu interese pola expresión pública dos símbolos. O nivel simbólico do Hino quedou, sen embargo, en pé, aínda que, en tales situacións de represión simbólica o Hino se transforma nunha canción galega.

A chegada da II República intensificou o amor ó Hino, como expresión primeiro dunha vontade de Estado dentro dol Estado Federal que se prevía, pero logo xa como unha Rexión dentro do Estado Integral que se constituiu. Por falla de ensaio suficiente para moita xente o Hino era casi estraño, e, polo menos, poucos o sabían completo, tanto no seu canto como na súa letra. Por iso, tal como conta A Fouce, de Bos Aires, do 1 de Xuño de 1931, un grupo de mozos xoves fundaron un «Comité pró espallamento do Hino Gallego», apuntando como tamén o Centro Gallego de Bos Aires fixera algo polo estilo, apostillando que: «O hino e a bandeira-galega, levada ésta decote no primeiro termo, son os que é mester dar a coñecer entre os galegos emigrados». Dende 1931 a 1936, pois, o Hino galego cumpriu a súa función integradora, cantándose, incluso, en actos de exaltación republicana, tal como reseña Claridad, no seu número do 24 de marzo de 1934, ó describir os actos de conmemoración do Pacto de Lestrove, e na parte referente ós hinos dí: «Os hinos galego e de Riego poñen fin á parte pública do acto sinxelo e emocionado».

Dende 1936 a 1960, o Hino convértese en criptopolítico, e, todo o mais, pode figurar nalguns actos culturais, sempre coma unna canción mais dentro do variado folklore galego. Desde ese ano, mais ou menos, comeza a interpretarse en actos de maneira máis explícita, pero sempre cun matíz limitado, disimulando os seus aspectos mais ideolóxicos. Nos actos de folklore celebrados en Santiago de Compostela, durante as festas do Apóstolo, comenzou en 1975 a levantarse a xente durante a interpretación do Hino, iniciándose o costume na Caixa de Aforros de Santiago, para o ano seguinte, na Quintana de Santiago, facelo as autoridades locais e, con elas, tódolos asistentes ós actos. A inhibición de tantos anos foi eliminando a condición solemne do Hino, polo que se trataba sen consideracions especiais, hasta eses actos, nos que os asistentes seguiron a liña aberta polos máis conscientes. Pode dicirse ­que o Hino, sen ter oficialidade formal, volveu a recuperala súa oficialidade emocional, como a que tivera entre 1907 e 1923, e 1931 e 1936.

3. O Hino galego e o autonomismo en Galicia. Nas etapas de autonomismo constitutional, o Hino galego adquire unha oficialidade fáctica ou legal dentro do territorio de Galicia, compartindo co Hino nacional ou do Estado español os correspondentes honores, lugares, funcións e privilexios. Entre 1931 e 1936 desenrolouse a primeira etapa de búsqueda de autonomismo constitucional, ó abeiro da Constitución republicana de 1931. Dende 1978, ó abeiro da Constitución, desenrrólase a segunda etapa de creación autonómica, neste caso cunha situación intermedia denominada preautonomía, e cun proceso de elaboración do proxecto de Estatuto totalmente diferente, sen a participación directa do pobo e sen a intervención dos Concellos galegos. Na segunda etapa, debido á exclusión das forzas extraparlamentarias, grande parte do proceso autonómico produciuse fora das institucións oficiais, polo que o Hino, ademais de ser un instrumento de integración formal, foi, tamén, un instrumento de militancia e de protesta.

Nas etapas autonómicas, o Hino do Estado español ou Hino nacional e o do ente galego, sea rexión, como en 1931 ou sexa nacionalidade, coma en 1978, adquiren certa equiparación, sen excluirse mútuamente, completándose dentro dun mesmo acto. Sen embargo, en certas ocasións, produciuse algún incidente, debido a que os organizadores, de boa fe ou con calquer intención omitiron a un deles. Na Asemblea dos Concellos de Galicia, preparatoria do proxecto de Estatuto, produciuse precisamente un incidente desta natureza, na sesión inagural do día 17 de decembro de 1932, segundo consta nas actas, publicadas no libro El Estatuto de Galicia. Actas y documentos (A Coruña, 1976) de Baldomero Cores Trasmonte, a Banda Municipal de Santiago de Compostela, situada no baixo do Palacio de Raxoi, interpretou o Hino Galego, cantandollo os asembleístas. Un asembleísta dixo, nembargantes: «Noto la ausencia del Hino Nacional y ruego al Presidente ordene que se toque. Es de lamentar que sea un asembleísta quien tenga que hacer esta advertencia». Pero, tal como din as Actas, «coincidiendo con estas últimas palabras, la Banda interpreta el Hino de Riego».

O presidente da Asemblea, Osorio e Tafall, interviu para dicir: «Una breve explicación necesaria y conveniente. La orden recibida por la Banda Municipal del Presidente de la Comisión, era que tocase ambos Hinos. Precisamente, como se habrá notado, ha coincidido el ruego del señor asembleísta con la interpretación del Hino Nacional». Terminou dicindo: «Queda, pues, complacida la asemblea, pero que tenga la seguridad, que el Hino de Riego se ha tocado, no por el ruego formulado, sino porque ya era ese el propósito», co cal rubricuse con aplausos.

As intencións están moi claras. As forzas españolistas acusan ás galeguistas e pro-galeguistas de dominar a Asemblea e comezan por plantexar o problema dos símbolos. Que non foi un acto intrascendente, omisión dos músicos nada máis, senón que para tales forzas era unha omisión deliberada, apróbase coas palabras dun tenaz contradictor do Estatuto, cal foi Vicente Sierra, quen, en El Progreso, de Pontevedra, do 28 de marzo de 1933, ao discutir con Bóveda, tratando de explicar o que pasou na Asemblea de Santiago: O Sr. Bóveda non quere ter en conta que o que pasou daquela foi o que decidiu ó Partido Radical a opoñerse ó Estatuto. O olvido de tocar o Hino nacional despois do galego que esixiu a protesta do partido radical-socialista e que fixo vibrar a parte da Asamblea unha vez cumplida a petición daquel partido con gritos de ¡Viva a República española! e ¡Viva España! Podía pesar, tamén, o recordo da asamblea preparatoria, celebrada en Santiago o 4 de xuño dese mesmo ano, baixo a presidencia de Xaime Quintanilla. El Compostelano conta que a Banda Municipal interpretou o Hino Galego, coreando polos asembleístas, e «coincidiendo con estas últimas palabras, la Banda interpreta el Hino de Riego», pero naquel intre todo discurriu sen problema algún.

Noutros actos solemnes, sen embargo, dado o contido cultural e ideolóxico no conflictivo, puido cantarse só o Hino Galego. No acto de entrega do Monumento a Curros na Coruña, celebrado o día 11 de agosto de 1931, «todo-los coros mesturados e dirixidos pol-o direitor de "Cántigas da Terra" cantaron o hino galego que o púbrico en pé a descuberto, escoitou respetosamente, apraudindo entolecido cando finou», tal como se dí na reseña recollida por Luís Carré Alvarellos, en Manuel Curros Enríquez. Súa vida e a súa obra, publicada por Ediciones Galicia, de Bós Aires, no ano 1953. En outras ocasións, non moitas, cantaron os coros en conxunto, tal como o fixeron tantas veces os coros Clavé, pero nese momento tivo que ser emocionante, en presencia do Presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, quen pronunciou un importante discurso, sen que se plantexase conflicto algún con respecto ó Hino.

Sen embargo, no Estatuto de Galicia de 1932, aprobado plebiscitariamente en 1936, non existe ningunha alusión ó Hino galego, como non existía, tampouco, nos Estatutos de Cataluña e do País Basco. A Constitución de 1931, no seu artigo primeiro, precisaba as cores da Bandeira republicana, pero non se refería ó Escudo nin ó Hino. Os estatutos mencionados tampouco se refiren á Bandeira, polo que toda a simbólica solemne deixouse para unha legalización­ ordinaria ou regulamentaria interna. A Constitución de 1978, no seu artículo 4, é maís explícita, porque se refire á Bandeira española e á potestade dos Estatutos para recoñecer bandeiras e enseñas propias das comunidades autónomas, pero non alude ós Hinos nin os Escudos. Será o artigo 6 do Estatuto para Galicia, aprobado por referéndum do 21 de decembro de 1980, o cal describía a bandeira e diga expresamente que «Galicia ten hino e escudo de seu», polo que corresponderá, tamén ós poderes públicos precisaron as características, elementos e formas dos símbolos fundamentaís. Pola súa parte, a Xunta preautonómica de Galicia, no seu regulamento provisional, artículo 6, non describe a Bandeira, pero dí que se colocará coa de España na sede da Xunta.

No número Cero do Boletín Oficial da Xunta de Galicia publicouse o regulamento; no mesmo número publícase e describe o «Escudo Oficial de Galicia» e o presidente da Xunta, Antonio Rosón no seu discurso da inauguración das actividades da entidade preautonómica, aceptou a oficialidade real do Hino ó concluir as súas palabras: Minas donas e meus señores: como dixo o bardo Pondal e cantamos todos no noso Hino: «Os tempos son chegados». Os Estatutos de Cataluña e do País Basco soamente institucionalizan a Bandeira, a cal describen, no seu artículo 4 e 5, respectivamente pero non se refiren ó Escudo nin ó Hino. O Estatuto de Galicia non describe máis que a Bandeira, limitándose a dicir con respecto ós outros símbolos solemnes, que os ten propios, o cal quere dicir que pode describilos por leis ou reglamentos emanados dos seus propios poderes.

O anteproxecto da Alianza Popular referiuse, no seu artículo 3, a que Galicia adopta a Bandeira, o Escudo e o Hino tradicionais, correspondendo ás leis fixalos; o P. S. de G. (P. S. O. E.) e o P. S. G. describiron con detalle a bandeira, pero gardaron silencio sobre Escudo e Hino. Nas Bases da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación figura xa a expresión, «Galicia tendrá bandera, escudo e himno propio», que, pasando polo proxecto de U.C.D., como «Galicia tendrá bandera, escudo a himno propios», entrará definitivamente a completala descripción da bandeira no artigo 6 do Estatuto. No proxecto da Asemblea de Parlamentarios e no publicado no Boletín Oficial da Xunta de Galicia (marzo, 1980) usase xa a expresión «Galicia ten hino e escudo de seu».

Soamente dous dos anteproxectos fan referencia explícita a Os Pinos, como Hino de Galicia. No artigo 9 do proxecto do Partido Obreiro Galego, de novembro de 1978, dise: «O hino galego é o denominado Os Pinos». No artigo 8 do proxecto do Movemento Comunista de Galicia, de decembro de 1978, dise expresamente que: «O hino galego é Os Pinos». Anque o concepto de propio poidera interpretarse en sentido circunstancial, no caso do Hino existe unanimidade en canto á adopción de Os Pinos como o Hino oficial, polo que co Estatuto de 1980 adquire oficialidade xenérica e implícita, que soamente normas e disposicións posteriois detallarán no seu día. Á oficialidade real uniuse a oficialidade xenérica e soamente falta, ou todavía falta, a oficialidade formal, para precisar os honores e privilexios correspondentes.

4. «Os Pinos e a súa estructura morfoideolóxica. O Hino galego componse da letra do poema Os Pinos, de Eduardo Pondal, e da música de Pascual Veiga. Como o poema non foi escrito directamente para Hino, senón que era un poema que Pondal escribira facía algún tempo, o número de estrofas non é o mesmo que a parte que se canta. O poema Os Pinos ten dez estrofas, das cales, en condicións de permisivilidade, se cantan catro soamente, quedando reducidas a dúas en épocas de maior restricción intelectual e cultural. A pesares da reducción a catro estrofas normalmente, a parte que se canta expresa de maneira superficial o contido e a mensaxe do poema. As outras estrofas son variacións sobre un mismo tema, nas que o motivo central é moi sinxelo: que Galicia esperte do seu soño e emprenda o camiño da libertade. Como é natural, aínda cando o poema e intelixible perfectamente nas súas catro primeiras estrofas, correspondentes ó Hino, é convinte interpretalo seu contido á luz de todo o poema, polo menos para entende-los matices ideolóxicos que o poeta quixo darlle.

Eduardo Pondal escribira un poema con tres estrofas previamente, no que resume a idea fundamental do poema. Debeu ser un borrador inicial, que ven a resultar logo como un resumo, pero no seu intre debeu ser o punto de partida para tan largo poema de dez estrofas. Apareceu entre os papeis inéditos do bardo, pero non teñen data que poda permitila súa datación adecuada. O poema Os Pinos, pois, é unha idea que Pondal tiña moi pendente, que expresa con bastante claridade o seu propio pensamento, o sentimento, sobre Galicia, e que con estes antecedentes completase, de modo que pódese percibir a súa ideoloxía e a súa importancia dentro da obra poética do bardo de Ponteceso.

O poema, baixo o título de Os Pinos, está recollido por Amado Ricón na súa obra Eduardo Pondal: Novos poemas. O poema Os Pinos, está escrito en octavillas italianas de versos heptasílabos, libres o primeiro e o quinto, agudos e rimando entre sí o cuarto e oitavo, e formando pareados o segundo e o terceiro, e o sexto e o sétimo axustándose ó esquema fixo de -a a b' -c c b', tal como explica Benito Varela Jácome, na La métrica de Pandal, publicado en Cadernos de Estudios Galegos, ­fascículo XV, 1960. En que estexa en octavilla italiana, con metros menores, puido influir en Fontela Leal para elixi-lo o poema, debido tanto a súa sonoridade, como á divulgación que a este tipo de metros dábanlle os poetas románticos españois, anque na poesía de Pondal hai abundancia de hexasílabos, octosílabos e outros moi propicios para ser cantados coa comodidade que un Hino necesita. Incluso nalgunhas ocasións, ó remate do poema, ó ser cantado cunha cadencia grave, ó ir ascendendo afoga a algunhas persoas, polo que, axudado pola emoción do momento, producense con frecuencia faltas de acorde, co cal non sucede, naturalmente, cando o cantan os coros acostumados a telo nos seus repertorios.

O Hino galego comeza cunha pregunta que os pinos, chamados «rumorosos» (pero na sexta estrofa se lles chama soantes pinos, autocitándose prosopopéxicamente os mesmos pinos), fan en xeral ó raio transparente, na noite de lúa. Certo éxito subxacente do poema pode proceder do uso da prosopopeia, facendo falar ós pinos e ó raio transparente na noite de lúa, ambente apto para unha interpretación galega da cultura inmersa na natureza. A pregunta faina o propio poeta, Pondal, anque ben puidera facela en calidade de bardo, pero o non dicirse nada, parece coma que se quere transferir ó propio lector o cantor, polo que hábilmente se introduce no ambente do poema, feito que pode contribuir, asimesmo, á adhesión que o home da rúa prestou ó poema e ó Hino en xeral.

O triángulo coloquial está constituido, pois, polo interrogador, que é o proprio poeta, que pode ser o bardo ou que, por transposición, pode ser o público; polos pinos, «los rumorosos», no que o nome está citado no poema, pero da título tamén ó mesmo poema e, incluso, ó Hino completo, coa letra e música, e polo raio transparente, todo elo na noite de lúa, todo o cal, para un psicoanalista podería ser motivo de interpretación nunha relación masculino (pino, raio, copas) e feminino (costa, lúa, verdor), que puidera servir tamén de apoio subxacente para explicar o éxito popular do poema e do Hino.

Para os adversarios do Hino, os centra­listas extremos, calquer esforzo para desmerece-la letra e a música para impedir ou obstaculiza-la súa interpretación, foron esforzos frecuentes. Por exemplo Orientación Gallega, de Bos aires, no seu número de xuño de 1964, nun artículo asinado polo P.P e titulado Bandera e Hino Gallegos, revela as, presións políticais que discreta ou indiscretamente se realizaron contra o Centro Galego para modifica-la súa conducta ante os símbolos fundamentais. Sen embargo, dende o punto de vista formal, da propia estructura formal e morfolóxica do poema, ningunha crítica alcanza a calor airada da efectuada polo marqués de Sabuz, en De Literatura Galaica, nun capítulo inadecuadamente chamado La política del gallego y de los hinos galicianos.

Logo de criticar irónica e sarcásticamente a obra de Pondal, limita os seus comentarios ó Hino, con palabras que por ser inefables merecen extensa reproducción: «Sobre todas las anteriores descuella Os Pinos, un monstruoso engendro que ha tenido el alto honor de que Pascual Veiga lo pusiera en música y que los emigrantes cubanos lo canten como si fuese el hino regional de Galicia. En esa producción, o lo que sea, «el bardo» encárase con los pinos, escúchalos atentamente, oye su zumbar misterioso y se interroga todo espantado...».

O son do comentario seguirá ata que se reproduce logo o poema, pero o importante é aclarar agora no que o comentario significa como crítica, senón coma a actitude do centralismo extremo criticara non so a función do Hino, a súa relación co Hino español ou nacional e a mesma morfoloxía do poema pondaliano, ou, mellor dito, o contido subxacente no poema, e na medida en que era a expresión dun rexionalismo xa ben asentado, cuia afirmación fíxose, posteriormente, máis activa por medio do nacionalismo e do galeguismo. Así coma se tratou de nega-la lexitimidade á Bandeira, aducindo que e de recente factura, tamén se ían manifestando expresións de crítica contra a mesma letra do Hino, coa que con «inxuria y rudo encono» fai o marqués de Sabuz.

Aínda cando o poema parece un monólogo formalmente, porque o poeta ou o público fan soamente a pregunta e despois son os pinos os que falan, acollendose ó recurso da prosopopeia, é preciso dicir que se trata dun diálogo implícito, no que unha parte escoita atentamente o que se di á outra. Pondal usa o monólogo en E ti, campanas de Anllóns, Dous rapaces, non sei onde y otros moitos poemas, pero neste caso o monólogo convirtese en diálogo pola participación expectante do raio transparente. O ton indicativo e persoal do poema, cun mandato contínuo para que Galicia cambie o seu rumbo, avala esta interpretación do poema coma un diálogo asimétrico basado no tradicional recurso á técnica da prosopopeia. A longa descripción dos pinos, en tono directo e moi persoal, ten unha excepción na segunda estrofa, onde se continúa a descripción paisaxística, o cal parece unha anomalía formal dentro da forma do poema. E aínda cando o poema completo ten numerosos matices, variacións sobre o mesmo asunto, interpretados na súa totalidade adquiren un sentido patriótico trascendente.

En canto á música son moitos os aspectos que hai que interpretar ó facer unha análise adecuada. Coros, orfeóns, a xente espontáneamente, os políticos coma Porteiro e outros en circunstancias especiais, interpretárono de moitas diversas maneiras, en múltiples circunstancias, nuns casos soamente a música, e, noutros, a letra e a música. O disco conta xa cunha boa colección de aportacións de filarmónicas, orfeóns, coros e outras agrupacións. Numerosos coros e bandas teñen discos sobre o tema do Hino. A distribución da letra e da música por casas comerciais, en calendarios de man, facilitan a difusión do Hino, de modo que se vai facendo familiar para todo o pobo galego.

5. O Hino galego e as súas mensaxes: mesianismo popular e redención galega. A mensaxe manifesta do Hino xurde no quinto verso da segunda estrofa, cando se lle pide a Galicia que non esqueza as inxurias históricas e que desperte do seu soño. Na terceira estrofa establécese unha distinción: Bós e xenerosos/iñorante, féridos duros, imbéceles e escuros, anque sen excesivo maniqueismo ideolóxico, para destacar coma os primeiros entenden a mensaxe e os segundos opóñense ó seu entendemento. A cuarta estrofa é un canto á espranza, onde se establece outro campo asociativo: escravitude presente/redención. Os ingredentes son, pois, moi aptos para un bo Hino, porque a mensaje explícita ou manifiesta está clara, é sinxela e pode ser intelixible polo pobo común sen demasiado esforzo. A mensaxe implícita, naturalmente, xurde da propia obra do poeta Pondal, nese intre o cantor do pasado galego, o recordo e o trato de amor da paisaxe quizáis a forma cotiá do uso de interrogatorio e da prosopopeia e a, por veces, linguaxe conflictiva ó contrapoñer dúas formas de vida, dúas maneiras de entender a Galicia e dous mundos ideolóxicamente diferentes.

O nome de Galicia non aparece nunca no poema, como é normal en toda a obra de Pondal. No Hino chámaselle Fogar de Breogán e na segunda estrofa, é Nazón de Breogán na cuarta estrofa. Nas restantes estrofas alúdese en Rexión de Breogán, Grei de Breogán Fillas de Breogán, Arpas de Breogán, Armas de Breogán y Eidos de Breogán, que son os versos con que rematan cada unha das estrofas do poema. Noutros poemas, Pondal emprega Ilustre, Xente, Fala, Fillos, Forte, Raza, Eidos, de Breogán, segundo os casos e de acordo co contido do verso. O recurso a unha linguaxe tropolóxica desta natureza, na que se mesturan sinécdoques e metonimias, segundo as circunstancias, débese a unha necesidade ideolóxica de ilustrar o futuro por medio do pasado e de comparar a disfunción do presente coma o pasado dourado de tipo céltico.

As relacións dos elementos a que alude ó falar de Breogán explican o desexo de ofrecer unha explicación total de Galicia. Cada un dos elementos teñen implicacións sobre aspectos da realidade social. Fogar/Patria, Nazón/Estructura sociopolítica, Rexión/Ámbito, Arpas/Cultura, Fillas/Sexo, Grei/Poboación, Armas/Defensa e Eidos/Territorio, poden deducirse fácilmente da totalidade dos versos finais, polo que o poema completo supón unha descripción esquemática e emocional de Galicia a orde territorial, demográfico cultural e social. Sen poder completar con outras referencias da obra do poeta, pero soamente coas recollidas en Os Pinos pódese captala intención profunda do bardo de Ponteceso. No poema, os dous máis totalizadores, como o sentimental do Fogar e o político de Nazón resumen tódolos demáis, polo que o Hino pode ser interpretado tamén dentro do seu proprio cerco intencional.

Dúas frases do poema Os Pinos, cantadas cando se canta o Hino longo, tiveran especial pregnancia na cultura galega, desvinculadas do Hino mesmo, aínda no seu campo semántico e ideolóxico, Os bós e xenerosos, do primeiro verso da terceira estrofa, e Os tempos son chegados, primeiro verso da carta estrofa utilizouse e utilízase en moitas ocasións, sen aludir sequera á súa procedencia coma tópicos, clichés ou estereotipos ideolóxicos e políticos, nuns casos aplicados con xustiza e noutros casos, dado o ambiente emocional en que soen pronunciarse ou escribirse, con demasiada prodigalidade. Os bós e xenerosos se opone a los iñorantes, féridos, duros embéciles e escuros, polo que existe certo maniqueísmo, anque non se precisa explícitamente quen son, nin se repite logo en todo o poema, porque ten máis sentido positivo que negativo, ten máis de mesiánico que de maniqueo.

Os tempos son chegados implica unha visión o desenrrolo histórico, que non foi captado claramente na obra de Pondal, limitados, xeralmente, a explica-lo seu helenismo, o seu celtismo, o seu berberismo e outros aspectos externos, cando, en realidade, o importante é o sentido dinámico do tempo histórico subxacente, perfectamente captable no poema e, quizáis, no Hino, sen necesidade de acudir á totalidade da súa obra, entendendo o Hino coma un microsistema total da ideoloxía pondaliana e de quen a compartía e a comparten, esbozada sintéticamente. Frente ó presente oprobioso, oclocrático de decadencia, impónse a redención futura, mesiánica, partindo do pasado glorioso, comparable a unha idade dourada. Sen alcarzar un sentido dialéctico claro, ó menos, este sentido do tempo ten un matiz evolutivo de indudable dinamismo.

Por menciona-la presencia de estereotipos pregnantes na cultura galega, bastarán dous exemplos soamente. Ramón CabaniIlas, en ¿De que morte morreu nosa prenda?, ó referirse a Castelao, remata o poema exclamando: «¡Morreu do mal dos bós e xenerosos!/¡Morreu do amor á Terra!». Nunca mellor aplicada a expresión tópica a Castelao, pero non sempre se empregan con tanta precisión. En canto ó tópico ou cliché, Os tempos son chegados, e sexa cal fora o xuicio que mereza o caso, pódese recorda-lo remate do discurso de Antonio Rosón, coma presidente da Xunta de Galicia, no acto de constitución oficial, celebrado o 18 de abril de 1978, no Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela. Sería interminable a relación de actos e momentos nos que foron pronunciadas tales frases cliché pero aínda cando non chegaron os tempos e os bos e xenerosos non proliferaron, indican que a linguaxe do Hino tivera certa eficacia cultural e cumprira unha función divulgadora con bastante pregnancia comunicativa. O mesianismo do Hino galego é un aspecto do mesianismo patrocinado por Eduardo Pondal en toda a súa obra. Pídeselle a Galicia, ó Fogar de Breogán, que desperte dun soñó, que non esquenza as inxurias e que escoite a voz dos rumorosos pinos; é dicir, tamén a voz do pobo galego. O circuito ideolóxico do Hino está claro: frente ó presente oprobioso, oclocrático, de decadencia absoluta, simbolizada pola inacción do soño, o pobo galego, a grei de Breogán, a nazón de Breogán, teñen que reaccionar e busca-la súa redención. Non existe ningunha personalización no poema. É o pobo sinxelo e chan a quen se apela: é á personalidade básica e elemental, á que se fai o chamamento porque nela reside a condición de bo e xeneroso, dos adxectivos que Pondal usa con algunha frecuencia na súa obra poética.

Na segunda estrofa soamente se insinúa esta relación entre a acción e a decadencia, ó dicir que Galicia é valerosa, valeroso chan, di, que Galicia está durmida, que a inxuria impúxose e maniatou, pero que ten que espertar. A relación desperta/sono é moi estreita e moi explicativa. Nas estrofas tres e cinco a idea está xa moi clara e pode ser entendida con toda claridade. O Mesías esperado é o pobo mesmo, democráticamente sen líderes absolutos nin relativos, é o pobo chan en busca da súa propia libertade e da súa identidade cultural.

Sería demasiado esaxerado ver na obra de Pondal un sentido dialéctico da historia, pero, ó menos, pode atoparse un sentido histórico subxacente moi profunco. O celtismo, o helenismo e outros revestimientos históricos son algo anecdótico e circunstancial, perfectamente transmutables uns por outros: o importante é o sentido íntimo da historia. Dunha historia que ten un presente oclocrático ou caótico e decadente, un futuro de redención cando os tempos son chegados, e un pasado, Idade de ouro, á que é preciso acudir, non como unha tradición estereotipada, senón como o fundamento primario da personalidade do pobo. Todo o poema Os Pinos é unha amplificación desta idea que, sinxelamente, se esboza xa na segunda estrofa ata onde, nos últimos anos, chegaron os coros ó cantar o Hino. Ó pobo bástalle con frecuencia as insinuacións, cando nelas está implícito o sentido da libertade da convivencia profunda dentro dunha cultura coma a galega. En parte, o éxito e a pregnancia do Hino hai que atribuílos a esta capacidade para penetrar nos sentimentos e nas emocións dun pobo, expresando os seus ideais e as súas aspiracións fundamentais.

Bibl: Xoán Barreiro, As Nosas Letras, Barcelona, 1978; Luis Carré Alvarellos, Manuel Curros Enríquez. Súa vida e a súa obra, Buenos Aires, 1953; Baldomero Cores Trasmonte, Sociología política de Galicia, La Coruña, 1976; 0 Carroncho de David, Santiago, 1961, y El modelo sociobibliotecario y la proyección internacional del libro, en «Boletín de la Sociedad de Bibliotecarios de Puerto Rico», 1974; Juan Naya Pérez, El Himno Gallego. Notas para su historia, en «Galicia», Buenos Aires, 1971. (B. C. T.)



Os Símbolos de Galicia